![]() |
| Álvaro Gago, un dos autores máis destacados do Novo Cinema Galego. Foto cedida. |
O Cineclub Marín, impulsado pola Asociación Marín de Cine, celebrará os días 18 e 19 de xuño, xoves e venres respectivamente, un novo ciclo dedicado ao director vigués Álvaro Gago, centrado no universo cinematográfico de Matria e na construción das personaxes femininas na súa filmografía.
A actividade, xa confirmada pola organización, dará continuidade á liña iniciada o pasado mes de maio co ciclo dedicado a Chano Piñeiro, no que o Cineclub Marín botou a andar cunha proposta aberta ao público marinense baseada na proxección, análise e coloquio arredor do cinema galego. Nesta ocasión, o foco estará posto nun dos autores máis destacados do Novo Cinema Galego; autor de obras como a curtametraxe e posteriormente a longametraxe Matria, nas que as personaxes protagonistas reflicten unha imaxe máis próxima á realidade das mulleres traballadoras que soportan a carga emocional e laboral na sociedade galega.
![]() |
| Rodaxe Matria con María Vázquez. Foto cedida. |
Matria
O ciclo contará coa presenza do propio Álvaro Gago durante a xornada do xoves 18 de xuño, onde se desenvolverá unha charla-coloquio aberta ao público seguindo o formato empregado na anterior actividade do Cineclub Marín.
A programación estruturarase arredor da proxección da longametraxe Matria e da posterior revisión da curtametraxe homónima que deu orixe ao proxecto, permitindo ao público analizar o diálogo existente entre ambas as obras e comprender a evolución cinematográfica da mesma.
A actividade será de balde e aberta ao público ata completar aforo. Marín de Cine traballa nestes momentos co Concello de Marín para concretar as localizacións definitivas do ciclo e negocia que, polo menos unha das dúas xornadas, poida celebrarse no novo Auditorio Municipal de Marín. A organización amósase optimista respecto desta posibilidade, aínda que a localización definitiva das sesións será comunicada nos próximos días. Lémbrase que están xa dispoñibles os bonos anuais do Cineclub. Para máis información cineclubmarin@gmail.com.
Pausa estival
O ciclo dedicado a Álvaro Gago será ademais a última actividade do Cineclub Marín antes da pausa estival. A programación regular retomará a súa actividade no mes de outubro, unha vez rematado o período de verán.
Durante os próximos meses, Marín de Cine centrará boa parte dos seus esforzos na organización das actividades infantís e xuvenís incluídas dentro da iniciativa PEQUE CINE, un proxecto orientado á educación audiovisual e á creación cinematográfica para os máis pequenos e coa colaboración do Ateneo Santa Cecilia de Marín.
Tanto os detalles definitivos do ciclo dedicado a Álvaro Gago como a programación completa de PEQUE CINE serán presentados publicamente nas vindeiras semanas.



Comentarios