A transición enerxética tamén se xoga nos pequenos concellos. Con esa idea de fondo, a Federación Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP, celebrará os próximos 25 e 26 de maio en Santiago de Compostela un curso gratuíto centrado na creación e dinamización de comunidades enerxéticas locais, unha fórmula que gaña presenza en Galicia como alternativa para democratizar o acceso á enerxía e fortalecer o desenvolvemento rural.
A acción formativa, organizada no marco do proxecto europeo CELRURAL, está dirixida a persoal técnico e político das administracións locais, axentes de desenvolvemento, asociacións veciñais e profesionais vinculados á sustentabilidade, pero tamén a persoas interesadas en coñecer modelos de participación cidadá arredor da enerxía.
O curso desenvolverase na sede da FEGAMP en dúas xornadas de cinco horas cada unha e combinará contidos teóricos con exemplos prácticos de iniciativas xa en marcha.
Comunidades enerxéticas
As chamadas comunidades enerxéticas permiten que a veciñanza, concellos, pequenas empresas ou colectivos sociais produzan e compartan a súa propia enerxía renovable, normalmente a través de instalacións solares fotovoltaicas. Máis alá do aforro económico, este modelo busca aumentar a autonomía local e facer partícipe á cidadanía das decisións sobre o consumo e a produción enerxética.
En Galicia, estas experiencias comezan a abrirse paso especialmente no rural, nun contexto marcado pola suba dos custos da electricidade, o reto demográfico e o debate sobre o aproveitamento dos recursos naturais do territorio. Nos últimos anos, diferentes proxectos piloto impulsados con financiamento europeo tentan demostrar que a transición ecolóxica tamén pode converterse nunha oportunidade de cohesión social e fixación de poboación.
A propia FEGAMP leva tempo promovendo este tipo de iniciativas entre os concellos galegos, especialmente os de menor tamaño. Entre os casos máis coñecidos atópase o de Xermade, na provincia de Lugo, onde se puxo en marcha unha das primeiras comunidades enerxéticas rurais vinculadas ao proxecto CELRURAL, cun modelo cooperativo no que participan administración local e veciñanza.
Economía ecolóxica
A formación contará como coordinador con Xavier Simón Fernández, considerado unha das voces de referencia en Galicia no ámbito da economía ecolóxica e da transición enerxética. O investigador da Universidade de Vigo dirixe ademais o Observatorio Eólico de Galicia e coordina actualmente o proxecto europeo EC4RURAL, centrado na implicación social na transición enerxética en zonas rurais.
Xunto a el participará Almudena Fiúnte Blanco, especializada en dinamización comunitaria e metodoloxías participativas. A organización destaca precisamente ese enfoque social da formación, que busca entender as comunidades enerxéticas non só como unha cuestión técnica, senón como ferramentas de participación e transformación local.
As inscricións permanecen abertas a través da web oficial da FEGAMP.


Comentarios