O Foro Territorio Rural Resiliente reúne en Santiago a expertos e comunicadores para repensar o futuro do rural galego
O encontro aberto do Foro Territorio Rural Resiliente, que se celebrará o vindeiro 28 de maio na Cidade da Cultura de Santiago, chega tras varios meses de traballo participativo impulsado pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio da USC (LaboraTe), coa colaboración da Fundación RIA, da Fundación Roberto Rivas e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O obxectivo desta iniciativa é promover unha reflexión colectiva sobre o futuro do territorio rural galego e avanzar cara a un modelo máis resiliente fronte aos incendios, ao abandono demográfico e aos efectos do cambio climático.
O foro reuniu ao longo das últimas semanas máis de 120 persoas expertas procedentes de ámbitos como a universidade, a administración pública, o sector agroforestal, entidades sociais, medios de comunicación e proxectos vinculados ao desenvolvemento territorial. O proceso estruturouse arredor de seis mesas de traballo centradas na planificación territorial, a mobilización da terra, a gobernanza, o reto demográfico, a actividade económica no rural e a comunicación social.
![]() |
| Mesa de traballo sobre gobernanza. Foto: Fundación Juana de Vega |
Fortalecer a cooperación
Entre as principais preocupacións detectadas durante os encontros preparatorios figuran a fragmentación normativa na ordenación do territorio, o abandono de terras agrarias, a dificultade para impulsar a remuda xeracional e a necesidade de fortalecer a cooperación entre administracións, sector privado e comunidade local. As mesas tamén puxeron o foco na importancia de recuperar a actividade produtiva e a xestión activa do territorio como ferramentas fundamentais para reducir a vulnerabilidade fronte aos lumes forestais.
Unha maneira de contar o rural
No ámbito da comunicación, o Foro defende que a maneira de contar o rural condiciona tamén a percepción social sobre estes territorios. As persoas participantes na mesa específica de comunicación e concienciación social alertaron da necesidade de superar visións simplificadas ou estereotipadas do campo galego e apostaron por construír relatos máis próximos á realidade social, económica e cultural do rural contemporáneo.
Entre as propostas trasladadas desde este grupo destacan a creación de redes de xornalistas especializados, o impulso de novas narrativas audiovisuais ligadas ao rural, a conexión das facultades de Comunicación co territorio ou a promoción de espazos culturais e creativos descentralizados que permitan reforzar o vínculo entre sociedade, cultura e territorio. O debate contará coa participación de profesionais de medios e proxectos especializados como Televisión de Galicia, Campo Galego, Somos Agro e Rural Hackers.
![]() |
| O fin último do Foro Territorio Rural Resiliente é contribuír a un territorio rural máis activo. |
Construir consensos
Os promotores do Foro subliñan ademais que a iniciativa nace desde a sociedade civil coa intención de construír consensos arredor dun modelo territorial máis equilibrado e sostible para Galicia, nun contexto marcado pola concentración da poboación nas áreas urbanas, a perda de actividade agraria e o incremento do risco de incendios en amplas zonas do interior galego.
Máis información e inscricións poden consultarse a través da web oficial do foro: Foro Territorio Rural Resiliente



Comentarios